Xa está dispoñible para todos os equipos participantes no Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral de Santiago de Compostela a documentación técnica completa necesaria para a preparación das súas propostas. Así, facilítase aos concursantes toda a información relevante para deseñar intervencións lumínicas innovadoras, respectuosas co patrimonio e sustentables, en liña cos principios do certame.
A ligazón estarán dispoñibles as carpetas e arquivos e o contrasinal preciso para o acceso son os seguintes:
Ligazón: http://scqoc.santiagodecompostela.gal/index.php/s/vvqITcpMFuV5DJx
Contrasinal: ConcursoTurismo25!.
Os equipos terán acceso a un Paquete documental exhaustivo e a uns completos Traballos de dixitalización realizados na contorna da Catedral. Esta información permitirá unha comprensión profunda do contexto histórico, artístico, normativo e técnico da zona de intervención, fundamental para o desenvolvemento das propostas.
O Paquete documental é un recurso esencial para poñer en contexto aos participantes. Este compendio abarca a significación histórica do espazo a intervir, desde a súa singular orixe como centro de peregrinación até o día de hoxe. Descríbese o interese patrimonial dos diferentes elementos que compoñen a paisaxe urbana da contorna da catedral, así como a historia da propia iluminación na cidade desde os primeiros alumeados de aceite e gas até a chegada da electricidade.
Ademais de planos e imaxes, o paquete inclúe as normativas urbanísticas e de protección patrimonial vixentes a nivel estatal, autonómico e municipal, con referencias á declaración BIC do conxunto monumental da Catedral e do conxunto histórico-artístico de Santiago, así como a súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Tamén se detallan boas prácticas para a elaboración de estudos de impacto patrimonial, tendo en conta o Valor Universal Excepcional (VUE) do sitio. Toda esta información busca garantir que as propostas de iluminación non só sexan innovadoras e estéticas, senón tamén plenamente integradas e respectuosas co valor histórico e cultural único do corazón de Santiago de Compostela.
Os Traballos de dixitalización permiten xerar unha representación dixital pormenorizada da contorna da Catedral de Santiago de Compostela. Para iso estableceuse unha rede de bases xeorreferenciadas con precisión, empregando observacións GNSS. Na fase de dixitalización, combínanse tres tecnoloxías: fotogrametría aérea (diúrna e nocturna), fotogrametría terrestre (usando un equipo Matterport PRO3) , e LIDAR terrestre dinámico (con tecnoloxía NavVis VLX). O obxectivo destas tecnoloxías foi obter unha nube de puntos xeorreferenciada, a cor e con suficiente densidade para definir os detalles necesarios para o proxecto de iluminación. Tamén se fixo uso de software especializado para xerar produtos como modelos 3D, ortofotos, e imaxes 360°. Este proceso asegura unha base de datos completa e precisa para o desenvolvemento das propostas de iluminación.

