HISTORIA. A ILUMINACIÓN NA CIDADE
_A noite está varrida da terra.
Palabras exclamadas polo bibliotecario da novela La chispa mágica de Armando Cotarelo Valledor ao contemplar por vez primeira (2 de abril de 1851) a luz eléctrica na cidade de Compostela.
A iluminación en Santiago evolucionou dende a Idade Media e Moderna, cando a escuridade caracterizaba o ambiente nocturno e as calellas, rúas e prazas compostelás só eran iluminadas polos fachos de rolda e as velas das capelas, até os nosos días, onde conviven diferentes capas de iluminación urbana funcional, ornamental e comercial, o que multiplica a posibilidade de actividades culturais, produtivas e recreativas.
A finais do primeiro cuarto do século XIX, comezaron a instalarse farois de reverbero que funcionaban con aceite. Unha tecnoloxía lumínica substituída de xeito progresivo e demorado dende o último terzo de século pola de gas hidróxeno. En 1851, Antonio Casares Rodríguez realiza un experimento pioneiro en España coa electricidade que non tivo reflexo práctico coa súa adopción popular, de feito só logrou desenvolverse e aplicarse como servizo público xa nos albores do XX.
Será precisamente ao longo desta centuria e do que vai de XXI cando, ao abeiro do perfeccionamento tecnolóxico da luz eléctrica e LED, se rexistren os meirandes avances que permitan concibir proxectos globais de iluminación pública, artística e ornamental, incrementando os niveis de fiabilidade e calidade do servizo, achegándoo aos barrios e ás áreas rurais e mudando, en conxunto, as percepcións e relacións visuais do contexto urbano xeral compostelán.
Compostela nocturna, mírame! Vivir a cidade, iluminar a historia
Concurso Internacional de Iluminación ornamental e artística da contorna monumental da Catedral de Santiago de Compostela
CONTACTO
comunicacion@trivium.gal
