A CASA DO APÓSTOLO: LUMINARIA, ESTRELA E LÁMPADA

A catedral de Santiago é unha xigantesca mole que descansa no corazón da cidade, sobre unha área cemiterial que deu orixe á Compostela actual. Dende o comezo, o monumento estivo relacionado con luces prodixiosas. Primeiro, foron as luminarias que indicaron o lugar onde se atopaba a edícula que se identificou coa tumba do apóstolo Santiago o Maior e os seus discípulos; despois, co éxito da peregrinación xacobea, o Camiño de Santiago converteuse nun Camiño de Estrelas -a Vía Láctea- que conducía a Compostela. Deste xeito, un antigo e lóbrego cemiterio –compositum tellus– transformouse nun esplendoroso e luminoso Campus Stellae.

A transformación dun non-lugar nunha das marabillas de Occidente débese moito ás metamorfoses da basílica apostólica, que, coma unha estrela, estende os seus brazos cara á cidade creando unha serie de prazas que conforman un espectacular conxunto urbanístico que pon en comunicación o sagrado e o profano. Se Acibechería, antiga Porta Francíxena, co seu remate na praza da Inmaculada, marca o final do Camiño Francés, e era no pasado un bulicioso ámbito onde se vendían vieiras e cabazas; Praterías, coa súa fachada-palimpsesto e as súas tendas de xoias, foi en orixe a porta do bispo e das entradas triunfais. Pola súa parte, a Quintana, na súa solemnidade pétrea e monástica, agocha baixo as súas lousas o antigo cemiterio da cidade e cóbrese nos anos xubilares de centos de peregrinos que fan cola para entrar pola Porta Santa, mentres que o Obradoiro é puro artificio barroco que mira impasible a historia da cidade aos seus pés, co antigo Hospital Real, a o Pazo de Raxoi e o Reitorado da centenaria Minerva compostelá.

Nesa peculiar constelación de granito, Compostela -declarada Patrimonio Mundial en 1985- segue sendo, tal e como sinalou Valle-Inclán en La lámpara maravillosa, “una ciudad petrificada que huye la idea de Tempo” que non parece antiga, senón eterna. Acender esa luz inmemorial ou manter viva a chama das luminarias é agora, máis que nunca, unha tarefa colectiva e un reto de futuro.

Manuel Antonio Castiñeiras González
Presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.
Catedrático de Historia da Arte, Universitat Autònoma de Barcelona

Compostela nocturna, mírame! Vivir a cidade, iluminar a historia
Concurso Internacional de Iluminación ornamental e artística da contorna monumental da Catedral de Santiago de Compostela