Compostela nocturna, mírame!
Vivir a cidade, iluminar a historia
PLAN DE SOSTIBILIDADE TURÍSTICA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
Iluminación da paisaxe nocturna
Unha contorna urbana e patrimonial excepcional como a configurada arredor da Catedral de Santiago de Compostela, que agrupa edificios icónicos de diversas épocas e entidades, require dunha solución de alta singularidade, única, específica, e tamén, innovadora. Por iso, o lanzamento deste concurso internacional procura atraer aos mellores equipos profesionais da conceptualización e desenvolvemento técnico de iluminación ornamental e monumental en todo o mundo
Un proxecto centrado en acadar unha nova paisaxe nocturna compostelá, respectuosa co patrimonio e os valores locais, que promova unha cultura de luz urbana de calidade para goce da cidadanía e tamén das persoas que nos visitan. Aspiramos a remarcar a singularidade desta contorna monumental en base á súa iluminación e a que todas e todos sintan a experiencia de vivir a cidade iluminando a nosa historia. Compostela nocturna, mírame!
A casa do Apóstolo: luminaria, estrela e lámpada.
A catedral de Santiago é unha xigantesca mole que descansa no corazón da cidade, sobre unha área cemiterial que deu orixe á Compostela actual. Dende o comezo, o monumento estivo relacionado con luces prodixiosas. Primeiro, foron as luminarias que indicaron o lugar onde se atopaba a edícula que se identificou coa tumba do apóstolo Santiago o Maior e os seus discípulos; despois, co éxito da peregrinación xacobea, o Camiño de Santiago converteuse nun Camiño de Estrelas -a Vía Láctea- que conducía a Compostela. Deste xeito, un antigo e lóbrego cemiterio –compositum tellus– transformouse nun esplendoroso e luminoso Campus Stellae.
“A noite está varrida da terra” Evolución da iluminación na cidade.
A iluminación en Santiago evolucionou dende a Idade Media e Moderna, cando a escuridade caracterizaba o ambiente nocturno e as calellas, rúas e prazas compostelás só eran iluminadas polos fachos de rolda e as velas das capelas, até os nosos días, onde conviven diferentes capas de iluminación urbana funcional, ornamental e comercial, o que multiplica a posibilidade de actividades culturais, produtivas e recreativas.
O CONCURSO
Iluminación da paisaxe nocturna
O Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da Contorna Monumental da Catedral de Santiago de Compostela abarca o ámbito espacial definido pola Catedral, as catro magníficas e espazosas prazas que a rodean: Obradoiro, Praterías, a Quintana e a Inmaculada, e os seus elementos conectores.
Para garantir a súa integridade e permanencia no tempo esta área, nuclear da cidade compostelá, ten sido amplamente protexida e recoñecida dende 1940 nos eidos urbanísticos, arquitectónicos e patrimoniais. Porén, enténdese preciso facer unha reflexión e proposta adaptada aos tempos sobre a súa imaxe nocturna.
O Concurso internacional convócase para avanzar cara á configuración dun destino turístico sostible e que mellore a calidade de vida da veciñanza e visitantes, fixado no Plan de Sostibilidade Turística da cidade, desenvolvendo a acción 3.1 Renovación da iluminación do patrimonio no casco histórico, encadrada no eixo 3. Cidade Histórica e estratexia verde. A devandita acción, que pretende obter a mellor proposta de iluminación para configurar a mellor paisaxe nocturna para este espazo, alíñase cos obxectivos do Plan de:
- Recuperar a vitalidade e versatilidade da Cidade Histórica,
- Reinterpretar o patrimonio de Santiago dende a sostibilidade,
- Profundar na conservación e o coñecemento patrimonial nunha contorna de funcionalidade contemporánea.
- Facilitar a transición ecolóxica do sector turístico, a través de iniciativas de mitigación do cambio climático.
Ruta de acceso ás bases:
Na Plataforma de Contratación do Estado debe:
- Premer sobre a lupa
- Premer en “Busca avanzada de licitacións”
- Premer en “Licitacións”
- Incluír no apartado expediente o código: CON2025000010
- Premer en “Buscar”
XURADO
Cada unha das propostas do Concurso Internacional de Iluminación ornamental e artística da contorna monumental da Catedral de Santiago de Compostela será avaliada por un xurado formado por distinguidos/as expertos/as internacionais nos campos da iluminación, o urbanismo, a arquitectura e o patrimonio.

David Chipperfield
Arquitecto, urbanista. Premios Pritzker e Stirling. Con estudos de arquitectura en Londres, Berlín, Milán, Xangai e Santiago de Compostela. Creador da Fundación RIA.

Teresa Táboas
Doutora arquitecta, profesora. Vicepresidenta de Europa Occidental na Unión Internacional de Arquitectura (UIA). Conselleira de Vivenda da Xunta de Galicia (2005-09). Foi membro das comisións consultivas de Arquitectura Sostible e Urbanismo do Consello de Arquitectos de Europa /Parlamento Europeo en representación do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España.

Roger Narboni
Fundador do estudo Concepto en París, dedicado ao deseño de proxectos de iluminación urbana, paisaxista e arquitectónica con 120 Master Plans de cidades en todo o mundo. Autor de publicacións de referencia no campo da iluminación.

Esther Torelló
Editora da revista Lightecture. Embaixadora en España de Women in Lighting.

Manuel Antonio Castiñeiras González
Catedrático de Historia del Arte na Universitat Autònoma de Barcelona (UAB). Presidente do Comité Internacional de Expertos del Camino de Santiago.
PREMIOS
O Concurso Internacional de Iluminación ornamental e artística da contorna monumental da Catedral de Santiago de Compostela está dotado cun Premio de 100.000€ (taxas non incluídas) para a proposta gañadora.
Os 6 proxectos conceptuais finalistas recibirán 6 accésits de 15.000€ (impostos non incluídos) que servirán de axuda para realizar os anteproxectos técnicos de iluminación.
A obtención do Premio inclúe a elaboración por parte do equipo técnico da execución anticipada na Praza de Praterías da solución de iluminación premiada, con carácter piloto. A actuación contará cun orzamento de 354.728, 79€ (taxas non incluídas) durante o período 2025-26.
ACTUALIDADE
Nova oportunidade en Cornes para coñecer as propostas finalistas do concurso internacional de iluminación da contorna da Catedral de Santiago
O Concello dá a coñecer o proxecto piloto que iniciará desde as Praterías a nova iluminación da contorna da Catedral
Santiago presentará o novo modelo de iluminación monumental para a contorna da Catedral cunha exposición na Casa do Cabido
INTERVENTO gaña o concurso internacional de iluminación da contorna da catedral de Santiago
Santiago escolle a proposta que definirá a paisaxe nocturna da contorna da catedral as vindeiras décadas
Mañá elíxese a proposta gañadora do concurso internacional de iluminación da contorna da catedral de Santiago
Seleccionadas as tres propostas finalistas do concurso internacional de iluminación da contorna monumental da catedral de Santiago
Santiago activa a campaña de difusión de ‘Compostela nocturna, mírame’, o concurso internacional de iluminación artística da contorna monumental da Catedral
O Concello de Santiago presenta un concurso internacional pioneiro para a iluminación artística da contorna da Catedral
Santiago presenta a Guía Rápida para participar no Concurso Internacional de Iluminación Monumental
Dispoñible a documentación técnica do Concurso de Iluminación de Santiago
A identidade corporativa de "Compostela Nocturna. Mírame!"
Compostela nocturna, mírame! Vivir a cidade, iluminar a historia
Concurso Internacional de Iluminación ornamental e artística da contorna monumental da Catedral de Santiago de Compostela
CONTACTO
comunicacion@trivium.gal












