O Concello de Santiago dará a coñecer os tres anteproxectos finalistas do certame e entregará o premio ao gañador.
Do 19 ao 31 de maio poderá visitarse a exposición do concurso e coñecer os proxectos na Casa do Cabido.
Santiago de Compostela, 16/05/2026. – O vindeiro martes 19 de maio, ás 11:00 horas, o Concello de Santiago acollerá o acto oficial de presentación dos tres anteproxectos técnicos de iluminación e entregará o premio ao gañador do Concurso Internacional de Iluminación “Compostela nocturna, mírame!”, o estudo Intervento.
A xornada contará coa participación de representantes dos outros dous equipos finalistas: Valoa Design e o equipo liderado por Studio Piero Castiglioni, conxuntamente con Marco Petrucci e F&M Ingegneria e servirá para presentar á cidadanía o proxecto que redefinirá a paisaxe nocturna da contorna da Catedral.
O acto comezará no Salón Vermello do Pazo de Raxoi, onde se explicará o contexto técnico do concurso e se procederá ás intervencións institucionais e entrega do premio. Ao rematar, terá lugar a apertura oficial dunha mostra na Casa do Cabido sobre o tema e, posteriormente, explicarase no contexto da Praza das Praterías o proxecto piloto que afecta á mesma.
“Hermes”
A proposta gañadora, presentada baixo o lema “Hermes” polo estudio Intervento, foi seleccionada polo xurado internacional, obtendo 95 dos 100 puntos posibles, fronte aos 65 puntos obtidos polas outras dúas propostas finalistas.. O deseño destaca pola súa “claridade e integridade”, utilizando gradientes e contrastes para poñer en valor a arquitectura sen deformala.

Algúns dos aspectos determinantes para a súa elección foron o máximo respecto polo patrimonio, posto que “Hermes” resolve a iluminación sen situar novas instalacións sobre as cubertas da Catedral; e o feito de que, ademais, a proposta garanta unha forte sustentabilidade económica e medioambiental, cunha redución do consumo enerxético estimada nun 68% respecto ao sistema actual.
Exposición e visitas guiadas
Co acto do 19 de maio inaugúrase tamén a mostra “Compostela Nocturna Mírame!” na Casa do Cabido, composta por diferentes paneis que percorren desde a orixe simbólica da luz en Santiago ata os detalles técnicos dos anteproxectos finalistas.


A cidadanía poderá participar en visitas guiadas os días 21, 26 e 28 de maio ás 18:30 h. na Casa do Cabido, sen necesidade de inscrición previa ata completar aforo. Posteriormente, a exposición trasladarase á Casa das Asociacións de Cornes do 1 ao 8 de xuño. Neste caso, haberá visitas o 2 de xuño en sesión de mañá (12 h.) e tarde (18:30 h.) e, como no caso anterior, son gratuítas e non resulta preciso inscribirse.
Plan de Sostibilidade Turística
Esta actuación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) de Santiago, promovido polo Concello de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A coordinación técnica do proceso corre a cargo da empresa compostelá Trivium.
Máis información: comunicacion@trivium.gal

