As ideas conceptuais finalistas —“Hermes”, “Shh… See the silence” e “Ad maiora semper”— concorren nesta segunda fase de anteproxectos que definirá a futura paisaxe nocturna do corazón histórico de Compostela
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026. – O xurado internacional do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral de Santiago reunirase mañá para avaliar os anteproxectos desenvolvidos polos tres equipos finalistas e seleccionar a proposta gañadora.
Nesta segunda e decisiva fase do certame competirán as propostas baixo os lemas “Hermes”, “Shh… See the silence” e “Ad maiora semper”, seleccionadas previamente entre un total de 21 candidaturas nacionais e internacionais na fase de ideas conceptuais. Cada un dos equipos presentou agora un anteproxecto completo, incorporando as recomendacións formuladas polo xurado tras a primeira avaliación.

A luz como ferramenta respectuosa co Patrimonio
O concurso ten como obxectivo reinterpretar de maneira integral a iluminación da contorna catedralicia, actuando nas prazas do Obradoiro, Praterías, Quintana e Inmaculada, así como nos tránsitos que as conectan, entendendo a luz como unha ferramenta de comunicación coa cidadanía, de xeración de benestar e de posta en valor do patrimonio cultural.
O xurado valorará aspectos como a estratexia global da iluminación, a integración estética e patrimonial, a calidade arquitectónica, a viabilidade técnica e económica, a eficiencia enerxética, o control da contaminación lumínica e a capacidade das propostas para xerar unha iluminación emocional, acougada e respectuosa coa vida cotiá da cidade histórica.
O certame enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística de Santiago (PSTD), promovido polo Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, cun investimento total de 3 millóns de euros, e conta co apoio técnico integral da empresa compostelá TRIVIUM.
Para máis información
Oficina de Comunicación – Concurso Internacional de Iluminación
📧 comunicacion@trivium.gal
🌐 https://compostelanocturna.santiagodecompostela.gal

