O Concello de Santiago de Compostela acaba de presentar o spot oficial da campaña “Compostela nocturna, mírame!”, un audiovisual dispoñible en galego, castelán e inglés que serve como peza central dunha ambiciosa estratexia de comunicación para dar a coñecer, tanto no ámbito local como no eido profesional nacional e internacional, a convocatoria do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral, un proxecto desenvolto no marco do Plan de Sostibilidade Turística da cidade e que xorde da cooperación entre o Estado, a Xunta e o propio Concello.
O audiovisual pretende ser un convite a redeseñar a noite compostelá e concibir esa “nova luz de Compostela” dende a identidade patrimonial, a innovación técnica e a sensibilidade estética, chamando á participación de equipos de todo o mundo con experiencia en iluminación artística, patrimonio e urbanismo. Neste sentido, alíñase co lema da campaña e a identidade de “Compostela nocturna, mírame!”, que apela directamente á mirada do espectador, espertando interese, respecto e emoción ante un espazo de valor universal excepcional, recoñecido pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade para, en último termo, “vivir a cidade” e “iluminar a historia”.

