A identidade corporativa de “Compostela Nocturna. Mírame!”

O Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral de Santiago de Compostela presenta a súa identidade visual. Baixo o lema “Compostela nocturna, mírame! Vivir a cidade, iluminar a historia”. Esta quere convidar á contemplación dunha nova paisaxe nocturna compostelá, respectuosa co patrimonio e cos valores locais e universais que representa, promovendo unha cultura de luz urbana de calidade, máis alá do concepto de eficiencia ou gasto enerxético, para goce da cidadanía e tamén das persoas que nos visitan.

A primeira parte, “Compostela Nocturna”, evoca a transformación da cidade ao caer o sol, un momento onde a paisaxe urbana adquire unha nova dimensión de maxia e misterio. A escuridade non se concibe como unha ausencia, senón como o lenzo sobre o que a luz pode debuxar formas, resaltar texturas e crear atmosferas inéditas, poñendo en valor a beleza silenciosa e evocadora de Santiago ao anoitecer.

 Dende o comezo, a Catedral de Santiago, unha monumental edificación que descansa no corazón da cidade, estivo relacionada con luces prodixiosas. Primeiro, foron as luminarias que indicaron o lugar onde se atopaba a edícula que se identificou coa tumba do apóstolo Santiago o Maior e os seus discípulos; despois, co éxito da peregrinación xacobea, o Camiño de Santiago converteuse nun Camiño de Estrelas —a Vía Láctea— que conducía a Compostela. Deste xeito, un antigo e lóbrego cemiterio –compositum tellus– transformouse nun esplendoroso e luminoso Campus Stellae.

A iluminación en Santiago evolucionou dende a Idade Media e Moderna, cando a escuridade caracterizaba o ambiente nocturno e as rúas e prazas compostelás só eran iluminadas polos fachos de rolda e as velas das capelas, até os nosos días, onde conviven diferentes capas de iluminación urbana funcional, ornamental e comercial, o que multiplica a posibilidade de actividades culturais, produtivas e recreativas.

O “Mírame!” é unha chamada directa e unha apelación emocional ao espectador; un convite a deterse, observar con atención e redescubrir a Catedral e a súa contorna baixo unha nova óptica. Busca xerar unha conexión íntima co patrimonio, convidando a sentir e emocionarse coa monumentalidade que unha iluminación artística e coidada pode desvelar.

Como expresou o filósofo Proclo, “Que é o espazo? Non é outra cousa senón utilísima luz”. Iso é o que transmite o logotipo, un foco de luz que se vai esvaecendo en diferentes círculos, inspirándose na simbólica vieira compostelá. Capturar a esencia da luz como elemento construtor de espazo, cun aire contemporáneo e mesmo cinematográfico. A luz non só ilumina, senón que esculpe a arquitectura e define novos volumes e profundidades no entorno monumental, creando unha verdadeira narrativa visual. Un deseño minimalista e sinxelo que transmite os valores que promove este Concurso.