Nova oportunidade en Cornes para coñecer as propostas finalistas do concurso internacional de iluminación da contorna da Catedral de Santiago

A mostra, que detalla o proxecto gañador do concurso para a contorna da Catedral, poderá visitarse na Casa das Asociacións do 1 ao 8 de xuño

O martes 2 de xuño realizaranse dúas visitas guiadas, en horario de mañá e tarde

Santiago de Compostela, 29/05/2026.

Tras o seu paso pola Casa do Cabido, a exposición “Compostela nocturna, mírame!” trasládase desde hoxe á Casa das Asociacións de Cornes. Esta itinerancia realízase co obxectivo do Concello de Santiago de descentralizar a divulgación do proxecto gañador do concurso de iluminación da contorna monumental da Catedral, permitindo que a cidadanía de distintos ámbitos urbanos coñeza de primeira man como se transformará a paisaxe nocturna do corazón da cidade.

A mostra en Cornes presenta unha versión adaptada de paneis que percorren a historia da iluminación en Santiago, os obxectivos de protección do ceo nocturno e os detalles do proxecto gañador, ‘Hermes’, do estudio Intervento e das propostas finalistas.

Visitas guiadas o 2 de xuño
Para profundar nos detalles técnicos e artísticos da proposta, o vindeiro martes 2 de xuño realizaranse dúas visitas guiadas gratuítas ás 12:00 h. e 18:30 h. Estas sesións explicarán tamén en que consistirá a proposta ‘Hermes’, que acadou a máxima puntuación grazas a unha estratexia de mínima intervención que evita colocar focos nas cubertas da Catedral e que prevé un aforro enerxético do 68%.

Sostibilidade e participación cidadá
A exposición en Cornes marca a recta final desta etapa de previa á posta en marcha do proxecto piloto na Praza das Praterías. A través desta exposición, o Concello busca facer visible un proceso que combina a vangarda técnica coa máxima protección do patrimonio e a mellora da experiencia urbana nocturna.

A mostra poderá visitarse en Cornes ata o vindeiro 8 de xuño. Esta actuación encádrase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) de Santiago, cofinanciado polo Concello, a Xunta de Galicia e o Goberno de España.